Habilidades Prelaborais

habilidades_prelaborais17

O “Programa de Habilidades Prelaborais para a Inclusión Sociolaboral Plena de Persoas con Discapacidade a causa de Enfermidade Mental” trata de dar resposta á situación pola que atravesan as persoas con enfermidade mental en Galicia, atendendo ás necesidades concretas de formación prelaboral e de habilidades da vida cotiá que faciliten a súa futura inserción sociolaboral.

Este proxecto responde a unha subvención para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.

Para iso, ponse en marcha un sistema de intervención baseado na información, asesoramento, acompañamento, formación e orientación laboral de persoas con discapacidade a causa de enfermidade mental menores de 35 anos preferentemente, que sexan demandantes de emprego e estean en situación de especial vulnerabilidade ou risco social, a través da realización de itinerarios personalizados que traballen tres áreas: desenvolvemento persoal e social, área básica e área prelaboral.

Neste marco, realízanse tamén unha serie de talleres e obradoiros nos que os usuarios aprenden psicoeducación, habilidades sociolaborais, habilidades da vida diaria e TICs aplicadas á busca activa de emprego. A partir de aí, os profesionais de FEAFES Galicia ofrecen atención individualizada presencial e non presencial aos participantes do proxecto coa fin de orientalos, asesoralos e apoialos no seu proceso de inserción sociolaboral.

O enfoque deste programa ven determinado pola participación activa e motivada dos usuarios e a relación de axuda profesional, tendo como meta final a redución de danos, a mellora da súa calidade de vida e o apoio e acompañamento a un entorno social, sanitario e laboral o máis normalizado posible, garantindo a proteccións dos seus dereitos e unha continua procura de obxectivos vitais.

Advertisements