Quen somos?

PosterVinGanapathy

Somos un grupo de demandantes de emprego da Federación de Asociación de Familiares e Persoas con Enfermidade mental de Galicia (Saúde Mental FEAFES Galicia) en busca activa de emprego. Realizamos este espazo para poder estar ao día e actualizarnos en todos os recursos, tanto formativos como laborais, encamiñados á procura de emprego.

Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída no ano 1995 para actuar como representante dos dereitos e necesidades do movemento asociativo de saúde mental. A misión principal da entidade é axudar ás persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias a mellorar a súa calidade de vida.

Para iso, e coa fin de ofrecer unha atención integral a persoas usuarias e familias, Saúde Mental FEAFES Galicia ten á súa disposición os seguintes servizos:

  • Información, apoio e asesoramento Saúde Mental FEAFES Galicia proporciona ás persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias información e asesoramento sobre saúde mental, recursos e servizos.
  • Asesoramento xurídico: orientamos de xeito gratuíto sobre asuntos legais a todas aquelas persoas con problemas de saúde mental, familiares, asociacións e profesionais que necesiten asesoramento en temas de pensións, herdanzas, incapacitacións, problemas penais ou laborais.
  • Emprego e formación: en Saúde Mental FEAFES Galicia contamos co Observatorio de Emprego para Persoas con Enfermidade Mental (OEDEM), co obxectivo de facilitar a inserción laboral a través de accións de información, orientación, formación, prospección e intermediación laboral coas empresas e apoio para a consecución e o mantemento do posto de traballo. Ademais, as nosas asociación dispoñen de Centros Ocupacionais e Centros Especiais de Emprego.
  • Ocio, deporte e respiro familiar: as actividades de lecer e deporte permiten mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias. Así, as persoas participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permite un respiro ás familias na súa tarefa de coidados.
  • Comunicación e sensibilización: o servizo de comunicación de Saúde Mental FEAFES Galicia encárgase de difundir unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental entre a sociedade. Para iso, estamos en contacto cos medios de comunicación, elaboramos publicacións, material divulgativo e realizamos campañas de sensibilización.

Na actualidade, Saúde Mental FEAFES Galicia está integrada por 12 asociacións distribuídas por toda a xeografía galega que están presentes en preto de 30 localidades. A entidade representa ás arredor de 80.000 persoas que, segundo os datos da Consellería de Política Social, teñen certificado de discapacidade por enfermedade mental.

Mapa asociacións 2021

Dende o ano 1995, Saúde Mental FEAFES Galicia asumiu como un dos seus obxectivos o desenvolvemento de accións e medidas que fomenten a incorporación do colectivo de persoas con problemas de saúde mental ao mundo laboral. No ano 2002 púxose en marcha o Programa OEDEM (Observatorio de Emprego de Persoas con Enfermidade Mental), pioneiro  na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Observatorio é Centro Colaborador do Servizo Público de Emprego e ofrece servizos de información, orientación, formación, intermediación laboral e apoio para o mantemento do posto de traballo. Saúde Mental FEAFES Galicia conta con profesionais especializados/as en orientación laboral e en saúde mental para dar resposta ás necesidades específicas do colectivo: dificultades derivadas da propia enfermidade, dificultades derivadas do prexuízo social e dificultades derivadas da situación do mercado laboral.