Aprendemos sobre mobilidade laboral e autoemprego

No marco do Programa Integrado de Emprego de FEAFES 2021/22, un grupo de 10 persoas usuarias participaron o pasado 13 de abril nunha visita ao viveiro de empresas da Confederación de Empresarios de Lugo (Fundación CEL).

Durante a visita, que tivo unha duración de 3 horas, as persoas participantes tiveron a ocasión de conversar con Marian Tallón e Yeray Fraga sobre que é e como funciona a Fundación CEL, ademais de disfrutar dun percorrido polas instalacións e coñecer as experiencias persoais dalgunha das persoas emprendedoras que teñen alí a súa empresa.

Tras o percorrido polas instalacións, houbo tempo para unha pequena reunión de grupo na que se abordaron distintas cuestións relacionadas co emprendemento e a mobilidade laboral. Todas as persoas participantes puideron compartir as súas experiencias, dúbidas e ideas, amosando un gran interese pola temática e polo contido da visita.

O Programa Integrado de Emprego de FEAFES 2021/22, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade a través de fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal, ten como obxectivo a mellora das posibilidades de inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental. Para iso, Saúde Mental FEAFES Galicia traballa anualmente cun total de 100 persoas desempregadas de A Coruña, Santiago, Ourense, Lugo, Vigo e as súas contornas.

Aprendemos sobre limpeza en Vigo!

Un total de 100 persoas en situación de desemprego e residentes en A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Vigo ou as súas contornas, están a participar no Programa Integrado de Emprego de FEAFES 2021/22, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade a través de fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal, co obxectivo de mellorar as súas posibilidades de inserción laboral.

Para iso, o programa conta cunha importante oferta formativa que busca capacitar ás persoas participantes naquelas habilidades persoais e competencias técnicas que faciliten o seu acceso ao mercado laboral. Entre a formación ofertada hai 350 horas de contidos incluídos no catálogo de especialidades do Servizo Público de Emprego e 200 horas de contidos non incluídos en dito catálogo.

Respecto á materia do catálogo de especialidades do Servizo Público de Emprego, en Vigo deron comezo tres accións formativas en colaboración con CIP Formación sobre “Limpeza e tratamento de superficies”, “Limpezas especiais” e “Materiais de limpeza”. Nelas, as persoas participantes están a adquirir coñecementos sobre distintos tipos de superficies e os seus métodos de limpeza, así como as variedades de tratamentos e mantemento que poden precisar. Así mesmo, aprenderán a desinfectar distintos espazos e adquirirán destrezas manuais para desenvolver tarefas de orde e limpeza, reposición e coidado de materiais.

Outras accións formativas que se están a desenvolver neste marco noutras localidades son, por exemplo, capacitación en “Competencias dixitais” na provincia da Coruña, “Windows e Word” en Lugo ou “Almacén e xestión do stock” en Ourense.

Accións grupais para achegarse un pouco máis ao emprego

O Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2020/21 comeza as súas accións grupais dirixidas a mellorar a empregabilidade dun total de 100 persoas participantes nas cinco delegacións da entidade, nomeadamente A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo. Este programa, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade, ten como finalidade favorecer a inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental que se atopan en situación de desemprego.

Para iso, o Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2020/21 contempla o desenvolvemento de itinerarios personalizados de inserción que inclúen unha serie de accións individualizadas con cada persoa usuaria, así como outras actividades de natureza grupal, que puxéronse en marcha nas distintas localidades no mes de febreiro. Todas elas van encamiñadas á consecución do obxectivo do programa, que é lograr que o 36% das persoas participantes consigan un contrato laboral.

Entre as accións grupais ofrécese, por exemplo, formación en novas tecnoloxías aplicadas á busca activa de emprego, pois actualmente os procesos de procura dun traballo mudaron considerablemente adquirindo unha importante relevancia a xestión a través das novas tecnoloxías, as redes sociais ou as páxinas web específicas de emprego, por exemplo.

Nos talleres grupais tamén se realizan obradoiros de motivación e técnicas para a busca activa de emprego, formación que permite dotar ás persoas participantes das técnicas precisas para realizar unha procura de traballo efectiva: elaborar un plan organizado de busca de emprego, preparar un CV axeitado ou unha carta de presentación adaptada á empresa e ao posto ao que se queira optar, coñecer onde e como buscar un traballo, etc.

Os obradoiros de habilidades sociolaborais e talleres de entrevistas, pola súa banda, pretenden dotas ás persoas participantes das ferramentas e habilidades necesarias para superar con éxito diferentes tipos de entrevista, xa que son a porta de entrada a un traballo. Así mesmo, os talleres de habilidades para o mantemento do posto permiten traballar as facultades sociolaborais que faciliten o mantemento dun posto de traballo, a capacidade de resolver problemas no entorno laboral, etc.

Ademais dos obradoiros formativos, o Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2020/21 conta cos Clubs de Emprego, que son espazos onde as persoas participantes comparten un obxectivo común que é a busca dun traballo. Os Clubs de Emprego permiten ás persoas participantes compartir ofertas, emocións, inquedanzas, e sentirse apoiados/as e acompañados/as na tarefa de buscar un traballo. Nestes espazos tamén se traballan e poñen en prácticas as habilidades e técnicas de busca de emprego adquiridas nas formacións, como darse de alta nas páxinas de emprego, buscar ofertas, enviar CVs, etc.

15 persoas fórmanse nun certificado de profesionalidade na Coruña

Onte, 25 de xaneiro, un grupo de 15 persoas participantes no Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2020/21 comezaron unha acción formativa na Coruña que consiste na impartición do Certificado de Profesionalidade “COMT0211 – Actividades auxiliares de comercio”. Dito curso terá unha duración de 3 meses, rematando o 14 de abril.

Con esta formación preténdese que as persoas participantes adquiran unha serie de competencias laborais no ámbito do comercio e o marketing, contando para iso cunha proposta formativa de carácter moi práctico en todos os seus módulos. O curso estará impartido pola formadora Mercedes Ramos, co apoio das técnicas responsables do programa Integrado na Coruña.

O Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2020/21, financiado pola Xunta de Galicia e o Servicio Público de Empleo Estatal, busca mellorar a empregabilidade e aumentar as posibilidades de acceso ao mercado laboral das persoas participantes, co obxectivo de que a lo menos o 36% delas logren acceder a un emprego.

Actualmente estase a desenvolver nas delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia en A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo, contando cun total de 100 participantes. Entre as accións que se levan a cabo dentro do programa, realízanse itinerarios personalizados de inserción e diversos obradoiros formativos, ademais de actividades transversais durante todo o proceso como técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego.

Aprendemos sobre os dereitos laborais das persoas traballadoras

No marco do Programa Integrado de Emprego de FEAFES 2019/20, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, un total de 7 persoas participaron nunha charla sobre dereitos laborais dos traballadores e traballadoras realizada na delegación lucense de Saúde Mental FEAFES Galicia.

A charla foi impartida por María Castro Corredoira, doutora en dereito pola USC e profesora no grao de Criminoloxía na mesma universidade. Para garantir a distancia de seguridade, as persoas participantes foron divididas en dous grupos, de xeito que a charla impartiuse en dúas quendas o 27 e 28 de xullo.

Durante as 3 horas que durou o encontro, María Castro falou de cuestións como a Lei Xeral dos Traballadores, os convenios de traballo, os dereitos e deberes básicos das persoas empregadas, etc. Todas as persoas participantes amosáronse moi atentas e interesadas nestas cuestións, podendo formular as súas dúbidas e expresar a súa opinión sobre determinados temas tratados durante a sesión.

Retomamos as prácticas do certificado de profesionalidade

A raíz do estado de alarma decretado polo Goberno no marco da crise sanitaria da COVID-19, a formación do certificado de profesionalidade impartida no marco do Programa Integrado de Emprego de FEAFES Galicia 2019/2020 quedou suspendida. Un total de 15 participantes estaban a realizar en Vigo o certificado de profesionalidade “SSCM0108: Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais” e tiñan previsto comezar as súas prácticas en empresas o 16 de marzo.

Unha vez pasado o confinamento e chegada a nova normalidade, o pasado 15 de xullo realizouse unha reunión co alumnado desta formación para concretar a nova organización do módulo de prácticas, as cales son imprescindibles para a expedición do Certificado de Profesionalidade.

Estas prácticas levaranse a cabo en diversos emprazamentos nos que traballan as empresas LHIP ASLYM Limpieza e Higiene Profesional S.L. e Insertime Limpiezas S.L. Iniciáronse esta mesma semana, o 20 de xullo, e realizaranse en horario variable dependendo do lugar ata completar as 80 horas de formación práctica.

O Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2019/2020 está  financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e busca mellorar a empregabilidade e aumentar as posibilidades de acceso ao mercado laboral de persoas con problemas de saúde mental.

Accións grupais para mellorar a empregabilidade

integrado_inicio_talleres

Ao longo do mes de febreiro, as 100 persoas participantes no Programa Integrado de Emprego FEAFES 2019/20 comezarán unha serie de accións grupais coa fin de mellorar a súa empregabilidade. Estas accións comprenden diversos obradoiros nos que poderán adquirir coñecementos e habilidades de utilidade para o seu proceso de inserción laboral.

Deste xeito, as persoas participantes no programa recibirán formación sobre novas tecnoloxías, posto que actualmente a Internet e as redes sociais ofrecen moitas posibilidades para a procura dun traballo. Tamén participarán en obradoiros de motivación e técnicas para a busca activa de emprego, grazas aos cales aprenderán a organizarse e ser efectivos, elaborar un CV ou unha carta de presentación adaptada a un posto de traballo concreto, etc.

Nos obradoiros de habilidades sociolaborais e entrevistas, dotarase ás persoas participantes das ferramentas necesarias para superar con éxito distintos tipos de entrevistas laborais, posto que estas son, en moitas ocasións, a porta de entrada a un emprego. Traballaranse tamén habilidades para o mantemento do posto de traballo, aprendendo a resolver problemas, a ser efectivos no posto de traballo, etc.

O Club de Emprego será o espazo onde as persoas participantes no Programa Integrado de Emprego FEAFES 2019/20 compartan ofertas, experiencias e apoio na procura dun obxectivo compartido, que é atopar un traballo. A maiores, cada persoa recibirá orientación, asesoramento e apoio individualizado por parte do persoal de orientación laboral, que lles axudarán a coñecer e analizar as actitudes, motivación e vocacións individuais de cada quen.