Posta a Punto para o Emprego

O programa “Posta a punto para o emprego” é un proxecto pioneiro en Galicia que pretende mellorar a empregabilidade de 50 persoas con problemas de saúde mental perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) ou do Ingreso Mínimo Vital (IMV). Desenvólvese nas 5 delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia (A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo) e trabállase con 10 persoas beneficiarias en cada unha delas.

Está dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social, ás cales se dotará das motivacións, habilidades, competencias e capacidades que require o tecido empresarial, de xeito que a través da inserción laboral poida reverterse a súa situación de exclusión social.

Trátase dunha actuación novidosa, orientada a resultados, coa que se pretende promover a posta en marcha de iniciativas innovadoras que permitan romper o círculo de exclusión e preparar ás persoas para a súa efectiva incorporación ao mercado laboral actual; unha verdadeira posta a punto para o emprego.

O obxectivo principal do programa, que está financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade a través da Secretaría Xeral de Emprego, é lograr que o 20% das persoas participantes acaden un emprego de 6 ou máis meses de duración, cunha xornada laboral mínima do 75% e que lles permita levar unha vida autónoma.

Para iso, ao longo dos dous anos que dura o programa “Posta a punto para o emprego”, realízanse unha serie de actuacións que van desde a fase de información e acollida ata un seguimento posterior á súa finalización. Partindo da análise da situación persoal, familiar e social de cada persoa participante, elaborarase un itinerario personalizado de inserción que contempla a intervención psicosocial, a orientación sociolaboral, a formación ocupacional, prelaboral e laboral, a prospección do mercado laboral e a procura activa de emprego.

Advertisement