O Programa de Emprego para Persoas con Discapacidade a Causa de Enfermidade Mental busca aumentar a ocupabilidade e a inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental en situación de desemprego. Este proxecto, desenvolvido no 2016 e cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, ofreceu ás persoas participantes unha serie recursos e ferramentas para mellorar a súa empregabilidade, activalas laboralmente e proporcionarlles competencias transversais que incrementen as súas posibilidades de inserción laboral.
Trátase da posta en marcha dun sistema de intervención baseado na información, asesoramento, acompañamento, formación, orientación laboral, prospección e intermediación laboral e apoio para o mantemento no posto de traballo. Está destinado a persoas con discapacidade, demandantes de emprego e en situación de especial vulnerabilidade ou risco social, co obxecto de favorecer a súa integración sociolaboral a través da execución de itinerarios integrados e personalizados de inserción.
O proceso de atención integral, continuo e personalizado, implica:
- Identificar demandas e necesidades individuais e empresariais
- Determinar factores críticos ou de incidencia da empregabilidade
- Deseñar itinerarios de inserción laboral adecuados
- Identificar e valorar competencias (técnicas, sociais, laborais…) e realizar accións de transversais e específicas
- Levar a cabo medidas de prospección e intermediación laboral co entorno empresarial
- Desenvolver estratexias para o mantemento da inserción laboral unha vez conseguida
A metodoloxía deste programa está baseada nun traballo multidisciplinar, en rede e mediante a elaboración de itinerarios contextualizados, para os cales empréganse recursos específicos existentes na nosa contorna e planifícanse actuacións tanto a nivel individual como grupal, avaliando posteriormente os resultados e a satisfacción.
En todo momento, o itinerario personaliado que se deseña para cada demandante de emprego debe cumprir cos obxectivos de aprendizaxe funcional, construtiva e cooperativa, así como a flexibilidade, motivación, participación activa e interdisciplinariedade.
En definitiva, o proxecto xira arredor de catro eixos: a orientación laboral, a formación en competencias persoais, técnicas e laborais, a busca activa de emprego a través da intermediación e prospección laboral e o apoio para o mantemento no posto de traballo.