O Programa de Inclusión Social: Atención Integral a Persoas con Discapacidade por mor de Enfermidade Mental trata de dar resposta á situación pola que atravesan as persoas con problemas de saúde mental en Galicia, atendendo as súas necesidades e demandas específicas individuais e facilitando o apoio e acompañamento social necesario para a súa correcta inclusión e reinserción sociolaboral.
Está cofinanciado pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, sendo unha actuación enmarcada dentro do Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER ou FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.
No marco deste programa, existe unha liña de actuación orientada a deseñar itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ao emprego para persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión social e con enfermidade mental. Así, un total de 30 persoas de A Coruña, Santiago, Ourense e Pontevedra están a participar neste proxecto.
A través deste itinerario, proporcionamos atención directa a persoas desempregadas con problemas de saúde mental en situación de senfogarismo ou en grave risco de exclusión social. O apoio ofrecido non se limita só a cuestións asociadas directamente á inclusión laboral, como poden ser accións de orientación ou adestramento en habilidades prelaborais, senón que tamén se ofrece un acompañamento social que favoreza unha estabilidade socioeconómica aceptable para as persoas máis vulnerables.