Os nosos usuarios queren compartir convosco as súas experiencias laborais e de busca de emprego para que a integración laboral sexa máis doada e motivadora para todos. Ademáis, aquí poderedes ler tamén as declaracións de empresarios que confiaron en persoas con enfermidade mental á hora de insertar a un novo traballador.
“O principal é que estou máis feliz comigo mesmo”
José Manuel é unha desas persoas ás que dá gusto coñecer, porque falando con el descobres o orgullo e a ilusión propias de quen logra superar un obstáculo e achegarse pouco a pouco á felicidade. O seu é un exemplo de superación, pois logrou deixar atrás unha etapa complicada da súa vida e agora pode dicir satisfeito que conta cun traballo que lle dá forzas para enfrontarse ao seu día a día.
“O principal é que estou máis feliz comigo mesmo. Levaba uns anos no paro e faltábame unha motivación para levantarme, e cando isto sucede a cabeza dá moitas voltas. Ao volver a traballar séntome moito mellor” conta convencido.
Despois de realizar varios cursos, en novembro José Manuel foi contratado como operario de lavandaría na empresa Ilunion – Flisa. “Eu tiña ganas de traballar, e ao ser un traballo físico só tiven que adaptarme os primeiros días porque ao principio foi un pouco canso, pero a integración foi moi cómoda e todo saíu ben” afirma.
Cando recorda o proceso de busca de emprego, José Manuel reitera a importancia de non caer no desánimo e non perder a constancia. “Hai dous anos eu estaba moi desanimado así que empecei a facer cursos para estar ocupado. Grazas ao empuxón de FEAFES Galicia logrei presentarme a entrevistas, e así cheguei a onde estou agora. Isto é unha montaña que se vai subindo pouco a pouco”.
Agora, no seu día a día, José Manuel enfróntase ao seu traballo beneficiándose das cousas boas que lle ofrece e facendo fronte ás dificultades. “Ás veces, afrontar as situacións axúdate a quitar os medos que tiñas” sinala; “se comparo como estaba hai dous anos e como estou agora, non o creo”.
Cando preguntamos a José Manuel que cualidades ten como traballador, el responde con toda humildade: “Supoño que cando me contrataron foi porque viron que eu podía facer o traballo; ao principio asinei un contrato de catro meses e despois renováronme porque estaban contentos comigo, así que supoño que non o debo de facer de todo mal”.
E sobre o seu futuro laboral? A resposta é contundente: “Ante todo, gustaríame ter traballo. E como na vida hai que ser inconformista pois ao mellor querería facer algo diferente, aínda que non teño moi claro o que… pero o que si sei seguro é que quero traballar”.
Despois de escoitar a experiencia de José Manuel, non cabe dúbida de que a constancia e o esforzo poden levarnos onde nos propoñamos, sen esquecer nunca que un diagnóstico determinado non debe ser impedimento para lograr un posto de traballo.
Agricultura gastronómica e integración laboral: un caso de éxito
La Finca de los Cuervos é un proxecto de agricultura gastronómica que conta cun monocultivo dirixido a grandes clientes e ó subministro de produtos galegos á alta hostalería. Dende fai un mes, esta empresa conta cun traballador indefinido con enfermidade mental, pois, segundo asegura o fundador e xerente do proxecto, Santiago Pérez, “é tan eficiente ou incluso máis que calquera outro traballador”.
Juan José Pampín é usuario de FEAFES Galicia e participa no Programa Integrado de Emprego EM-Prégate. Tras realizar prácticas durante un mes en La Finca de los Cuervos, o empresario decidiu que quería contar con el por máis tempo. “A acollida foi moi boa e fun aprendendo e integrándome pouco a pouco. Agora síntome a gusto porque tan só me dan unhas instrucións pola mañá e déixanme autonomía para ir facendo as tarefas ó longo do día” afirma Pampín.
“Este posto aportoume estabilidade, entretemento, relacionarme coa xente e, sobre todo, moito benestar. A nivel máis laboral aportoume, por suposto, ingresos e unha cotización, pero o que máis me gusta do traballo é que ves os seus froitos”. Con estas palabras expresa Pampín as satisfaccións que lle aporta o seu emprego, un posto de traballo ó que se adaptou con total normalidade.
“O proceso de adaptación foi curto, xa que as súas gañas de traballar e vontade fixeron que se adaptase rapidamente” afirma o empresario. Pampín, pola súa parte, asegura que na empresa hai moi boa relación e bastante compañeirismo: “Puxéronmo moi fácil, resolveron as miñas dúbidas e explicáronme todo tantas veces como fixo falta” sinala.
Durante todo o proceso de inserción laboral, FEAFES Galicia realizou un seguimento e asesoramento tanto ó empresario como ó traballador. Santiago Pérez, xerente de La Finca de los Cuervos, asegura que “ter coñecemento da realidade e a problemática que existe neste colectivo, a través do Servizo de Inserción Laboral de FEAFES Galicia, fixo que quixese colaborar sen ningunha dúbida”.
Neses momentos, Pampín estaba a participar nun programa de emprego con FEAFES Galicia e dende o Servizo de Inserción Laboral buscaron o posto de traballo que máis se adaptaba ó seu perfil. “Durante as prácticas encargáronse de estar en contacto comigo para facer un seguimento e darme apoio. Agora, unha vez contratado, tamén me brinda axuda cando a preciso” asegura o traballador.
Pampín é un claro exemplo de que a inserción laboral das persoas con enfermidade mental é posible. Máis alá do seu diagnóstico, este traballador posúe cualidades moi valorables para a empresa: “Sobre todo constancia. O meu xefe adoita dicirme que teño iniciativa, autonomía e boa resolución de problemas” sinala. Santiago, pola súa banda, destaca de Pampín “a súa puntualidade, o compañeirismo e o interese”.
Agora que conta cun contrato indefinido, Pampín ve o seu futuro totalmente normalizado e estable, pois, como di el, “estar indefinido implica un proxecto a longo prazo”.
“Este traballo aportoume confianza, satisfacción persoal, retribución económica e independencia”
Marcos Antonio considérase unha persoa persistente, responsable, amable coa xente e cunha gran fascinación polo mundo do deporte. Isto é o que o converteu nun candidato ideal para desempeñar o traballo de vendedor deportivo, algo que a empresa Decathlon soubo valorar. “Do seu traballo destacaría a súa atención ó cliente e como lle transmite as sensacións sobre o produto” comenta Elena González, responsable de Universo Auga, Saúde e Roller de Decathlon Lugo.
Marcos aínda leva pouco tempo na empresa, pero xa pode asegurar que este traballo aportoulle confianza en si mesmo, satisfacción persoal, retribución económica e independencia. “Fai moi pouco tempo que forma parte do noso equipo, polo que aínda se está a adaptar. Creo que o seu avance está a ser máis lento que noutros casos pero aínda ten moita marxe de mellora e creo que co tempo chegará a un desempeño igual que o dos outros compañeiros” afirma Elena.
A responsable de sección indica que Decathlon busca unha gran autonomía nos seus empregados dende o primeiro momento, e no caso de Marcos o proceso desenvólvese dun xeito máis pausado. Sen embargo, Elena sinala que “está a ser unha experiencia moi gratificante na que todos estamos a crecer como empregados e como persoas”. Marcos, pola súa parte, recoñece que “o trato cos compañeiros e cos superiores é amable, cordial e amizoso, pois o traballo en equipo favorece este tipo de relación”.
Cando lle preguntamos a Marcos polo proceso de selección e a abordaxe da entrevista de traballo, cóntanos que tivo que responder preguntas sobre a súa rutina semanal, os deportes que practica, os seus plans de futuro ou a súa formación. “Considero que abordei a entrevista de forma relaxada e concisa, respondín ás preguntas con exactitude” afirma.
Durante todo o proceso de busca de emprego e inserción laboral, tanto Marcos como Elena recibiron apoio e asesoramento por parte de FEAFES Galicia. Marcos cóntanos que acudiu a unha formación específica sobre materia laboral impartida pola entidade, e que lle resultou especialmente útil o curso sobre Motivación e Busca de Emprego. “Dende FEAFES tamén realizaron intermediación coa empresa para facilitarme a entrevista laboral e considero que a súa axuda foi moi importante na consecución deste traballo” indica o empregado. Elena, pola súa parte, sinala que en todo momento recibiu axuda de FEAFES Galicia: “creo que o traballo da Federación, especialmente o do meu enlace coa mesma, foi exemplar”.
Cando Marcos pensa no seu futuro laboral, a súa visión é clara: “gustaríame que fose un futuro máis predicible e estable, poder ter un contrato de traballo a xornada completa no que saiba realizar ben as funcións, porque me considero unha persoa bastante perfeccionista. Querería, a poder ser, seguir traballando en Decathlon porque o traballo que desenvolvo aquí interésame a nivel profesional e persoal”.
O caso de éxito de Carola
Carola Lago é un caso máis que demostra que as persoas con enfermidade mental están plenamente capacitadas para inserirse no mundo laboral. O ano pasado tivo a oportunidade de facer prácticas nun Centro Especial de Emprego, e este ano a empresa decidiu volver a contar con ela e facerlle un contrato.
“Traballar apórtame os ingresos que preciso, axúdame a relacionarme e a saír da casa” afirma Carola. Esta muller, usuaria de FEAFES Galicia e participante no Programa Integrado de Emprego EM-Prégate, cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar, asegura que a integración na empresa foi sinxela e que non tivo problema algún: “Acolléronme moi ben, aínda que xa me coñecían por ter feito prácticas durante dous meses”.
Adela López é a xerente do CEE e asegura que Carola adaptouse ó posto e á empresa con total normalidade. “O proceso de adaptación non foi nada complicado, realmente o que máis custa é combater o estigma que teñen as persoas en xeral cara este colectivo polo descoñecemento.” Adela considera moi importante que as empresas dean unha oportunidade ás persoas que o teñen máis difícil para atopar un posto de traballo, pois é deste xeito como poderemos lograr a inserción laboral deste tipo de colectivos.
Sobre o traballo de Carola, Adela destaca “o seu interese, esforzo e desexo de facelo ben. Mesmo a súa motivación e rendemento son maiores”. Carola asegura de si mesma que é “unha persoa traballadora, puntual e responsable”, algo que lle axuda a ser eficaz e competente no seu posto de traballo. Ademais, resalta que o clima é moi favorable e que a relación cos compañeiros é boa, sen esquecer unhas palabras de agradecemento para a súa encargada: “é moi cariñosa e sempre me axuda no que preciso”, afirma Carloa.
Durante todo este proceso de inserción laboral, FEAFES Galicia realizou unha tarefa de asesoramento e acompañamento tanto á empresa como á usuaria. “O ano pasado, FEAFES Galicia presentoume como candidata para facer as prácticas e deume a posibilidade de que a empresa me coñecese. Así tiven máis posibilidades de ser contratada agora”, comenta Carola. Adela, pola súa parte, sinala que “a relación con FEAFES Galicia é bastante fluída, recibimos asesoramento e apoio cando o precisamos e existe boa comunicación entre os técnicos da Entidade e os nosos traballadores”.
Non cabe dúbida de que grazas a este traballo, Carola síntese máis realizada e útil na sociedade. Cando lle preguntamos polo seu futuro laboral, ela contéstanos que lle gustaría “manter o emprego nesta empresa e mesmo poder aumentar as horas de traballo”. Traballar nunha lavandería ou como dependenta de comercio son outras das posibilidades que non descartaría, mais, en todo caso, nunca querería deixar de traballar.
A experiencia dun traballador indefinido
Luís está diagnosticado cunha enfermidade mental, e no ano 2011 comezou a facer prácticas nunha empresa de venda ó público grazas á xestión de FEAFES Galicia. Tres anos despois pode presumir de ser un traballador con contrato indefinido, algo que lle fai sentirse ben consigo mesmo.
“Ter traballo axúdame a sentirme realizado, eu síntome integrado nun grupo, integrado na sociedade, teño independencia económica… é o derradeiro paso para a integración plena.” Cando comezou a traballar, Luís tivo que adaptarse á metodoloxía e ós ritmos da empresa como calquera outro empregado. “A adaptación a un posto de traballo é cuestión de tempo, pero a relación cos compañeiros sempre foi estupenda e hai moi bo ambiente”.
Das súas calidades como traballador destaca “que sei tratar coa xente, teño facilidade para vender o negocio”, e iso foi o que fixo que a empresa leve tres anos confiando nel. “No meu futuro gustaríame seguir traballando, pois síntome integrado e valorado. Ter un traballo implica cumprir uns obxectivos, desempeñar as tarefas tal e como quere a empresa, e se o logras sentes que estás a ser útil para a sociedade”.
A experiencia de Ana Belén en primeira persoa
FELIZ DÍA, O SEU XORNAL DE TODOS OS VENRES. A vantaxe da falta de experiencia laboral.
Quería entrar a traballar, non por necesidade nin por gañar diñeiro, senón porque desexaba coñecer a vida laboral, pero non cabe dúbida que a experiencia previa de traballo é un dos atributos e requisitos que máis se valoran. No meu caso persoal, non teño experiencia laboral que mostrar, pero logrei plasmar no meu Currículo coñecementos, habilidades e aqueles aspectos que flúen coa empresa sen decatarme.
Tamén é importante dicirvos que moitos ó considerarse que son veteranos ou “maestros”das entrevistas e traballos poden, despois de ser contratados, empezar a descoidar a súa forma de traballar e caer nun desgaño por realizar as súas funcións; o que ocasiona, no caso máis grave, o seu despedimento da empresa, algo que non pasa en xente ou persoas co seu primeiro traballo.
En realidade só se require algo tan sinxelo e difícil como ter a capacidade de venderse como un aspirante apto, capaz de responder a calquera reto.
Vouvos a contar agora o meu primeiro día de traballo como repartidora de xornal é unha experiencia paradoxal. Estaba ilusiona pero por outro lado, estaba algo nerviosa por descubrir o descoñecido.
Todos os venres me levantaba ás seis da mañá para repartir na zona da estación de autobuses de Santiago de Compostela, mesmo teño algo gracioso que me gustaría compartir. Unha vez roubáronme o carriño dos xornais xa me vedes, como buscando o ditoso carriño, chamo á empresa e dinme educadamente “non é cousa túa, ti dedícate a distribuír e promover o noso xornal”, tan contenta quedei.
Foron dous meses intensos pero moi divertidos, a pena é que non durase máis. O traballo foi sen selección, só polo currículo. Un caso único e especial, só por ser case doutora en traballo social especialidade Xerontoloxía, Xeriatría e Dependencia. Por unha vez non se fixaron en que non teño experiencia, na miña situación de minusvalidez, nin en que son baixiña, senón no meu currículo.
“Lembra que estás ahí por unha boa razón, fuches elixido de entre moitos candidatos aínda que só fose para repartidora”, din os meus amigos.
O caso de éxito de Juan José
A integración laboral das persoas con enfermidade mental non só é posible, senón que é altamente beneficiosa para os individuos que sofren estas patoloxías. FEAFES Galicia aposta firmemente pola integración laboral como un axente normalizador, e por iso participa en iniciativas e programas como o promovido pola Fundación Mapfre.
“Juntos somos capaces” permite que persoas con discapacidade intelectual en situación de desemprego poidan realizar prácticas en empresas para optar á contratación. A través do fomento da relación entre empresas e entidades sociais, este programa pretende paliar a discriminación e a desigualdade na que se atopan estes colectivos.
Juan José é un exemplo de éxito. El ten enfermidade mental pero asegura que a responsabilidade do traballo faino sentir ben, e que a súa calidade de vida mellorou dende que traballa en Bocalino. “Aportoume estabilidade emocional e económica. As relacións, os ingresos… todo, mellorou a miña calidade de vida” asegura.
Pola súa banda, o seu responsable na empresa, Manuel, sinala que Juan José adaptouse con total normalidade e que o seu esforzo e integración son moi valorables. “Dende a miña experiencia, trátase de persoas capaces, responsables e que valoran máis a oportunidade que se lles da con un posto de traballo”.
Ambos aseguran que, en todo momento, o apoio de FEAFES foi constante e de gran axuda, tanto no seguimento de Juan José como no asesoramento a Manuel. “Sempre están aí para resolver calquera dúbida ou cuestión que me preocupe”, di Juan José, mentres Manuel asegura que destaca “a atención do persoal técnico de FEAFES, están aí para calquera tema ou consulta que precises”.
Se queres ler a entrevista completa a Juan José e a Manuel, pincha aquí.
Esta muy bien empezar en un sitio nuevo con toda la ilusion del mundo,son dias intensos y llenos de esperanza,Hurra por los primeros dias!!
si fue muy divertido e inpirador!!!!