Os participantes do Programa de Inclusión Social, cofinanciado pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, están a realizar prácticas en diversas empresas para coñecer de primeira man os requerimentos dun posto de traballo específico.
Concretamente, dúas usuarias de FEAFES Coruña estiveron na residencia da terceira idade SARquavitae de Matogrande, onde demostraron grandes competencias laborais e recibiron unha avaliación moi positiva por parte da súa titora e das súas compañeiras. En FEAFES Lugo, pola súa banda, unha usuaria está a realizar prácticas en Limpiezas San Froilán, mentres outro as fai como administrativo na empresa Allentum.
As prácticas non laborais permiten promover e completar a formación e a experiencia laboral dos demandantes de emprego en aquelas áreas que poidan facilitar a súa futura incorporación ó mercado laboral. Igualmente, tamén permiten que as empresas e os empregadores coñezan máis de cerca a enfermidade mental e adquiran unha imaxe axeitada e normalizada sobre a mesma, ademais de coñecer as competencias destes potenciais traballadores nun posto concreto.