Accións grupais para achegarse un pouco máis ao emprego

O Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2020/21 comeza as súas accións grupais dirixidas a mellorar a empregabilidade dun total de 100 persoas participantes nas cinco delegacións da entidade, nomeadamente A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo. Este programa, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade, ten como finalidade favorecer a inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental que se atopan en situación de desemprego.

Para iso, o Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2020/21 contempla o desenvolvemento de itinerarios personalizados de inserción que inclúen unha serie de accións individualizadas con cada persoa usuaria, así como outras actividades de natureza grupal, que puxéronse en marcha nas distintas localidades no mes de febreiro. Todas elas van encamiñadas á consecución do obxectivo do programa, que é lograr que o 36% das persoas participantes consigan un contrato laboral.

Entre as accións grupais ofrécese, por exemplo, formación en novas tecnoloxías aplicadas á busca activa de emprego, pois actualmente os procesos de procura dun traballo mudaron considerablemente adquirindo unha importante relevancia a xestión a través das novas tecnoloxías, as redes sociais ou as páxinas web específicas de emprego, por exemplo.

Nos talleres grupais tamén se realizan obradoiros de motivación e técnicas para a busca activa de emprego, formación que permite dotar ás persoas participantes das técnicas precisas para realizar unha procura de traballo efectiva: elaborar un plan organizado de busca de emprego, preparar un CV axeitado ou unha carta de presentación adaptada á empresa e ao posto ao que se queira optar, coñecer onde e como buscar un traballo, etc.

Os obradoiros de habilidades sociolaborais e talleres de entrevistas, pola súa banda, pretenden dotas ás persoas participantes das ferramentas e habilidades necesarias para superar con éxito diferentes tipos de entrevista, xa que son a porta de entrada a un traballo. Así mesmo, os talleres de habilidades para o mantemento do posto permiten traballar as facultades sociolaborais que faciliten o mantemento dun posto de traballo, a capacidade de resolver problemas no entorno laboral, etc.

Ademais dos obradoiros formativos, o Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2020/21 conta cos Clubs de Emprego, que son espazos onde as persoas participantes comparten un obxectivo común que é a busca dun traballo. Os Clubs de Emprego permiten ás persoas participantes compartir ofertas, emocións, inquedanzas, e sentirse apoiados/as e acompañados/as na tarefa de buscar un traballo. Nestes espazos tamén se traballan e poñen en prácticas as habilidades e técnicas de busca de emprego adquiridas nas formacións, como darse de alta nas páxinas de emprego, buscar ofertas, enviar CVs, etc.

Deixar un comentario