O pasado 20 de abril, a Fundación CEL Iniciativas por Lugo abriu as súas portas aos membros do Club de Emprego de FEAFES Lugo para ensinarlles o seu traballo e falarlles de emprendemento.

Esta fundación é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1997 no seo da Confederación de Empresarios de Lugo e ten como obxectivo fundamental o fomento do espírito emprendedor na provincia respaldando proxectos empresariais dende os seus inicios ata a súa consolidación, facilitando a labor dos mozos emprendedores nos seus primeiros pasos.
Para iso, a Fundación CEL facilita un apoio integral ao emprendedor buscando espazos físicos para a ubicación do proxecto empresarial, ofrecendo tutelaxe nos trámites para a posta en marcha da empresa, asesoría xurídica, laboral e fiscal ou formación.

A Fundación CEL, ademais, ten entre os seus obxectivos favorecer a inserción laboral de colectivos con especiais dificultades de acceso ao emprego a través da fórmula do autoemprego. Neste senso, a fundación colabora con FEAFES Galicia no impulso de accións formativas e informativas sobre autoemprego dirixidas a persoas con enfermidade mental, familiares e profesionais, entre outras accións.


Entre as accións levadas a cabo ao amparo do Programa Integrado de Emprégo Em-Prégate cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, está o achegamento dos demandantes de emprego ao mundo laboral.

O 12 de febreiro, seis membros do Club de Emprego de Coruña tiveron a oportunidade de mergullarse de cheo nun dos principais distribuidores de moda do mundo, que conta con 8 formatos comerciais e máis de 6.700 tendas nos cinco continentes.