No marco do Programa Integrado de Emprego EM-Prégate, cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar e que ten como obxectivo facilitar a inserción laboral de persoas con enfermidade mental, FEAFES Galicia desenvolve unha serie de obradoiros para que os seus usuarios aprendan a empregar as novas tecnoloxías na busca de emprego.
Na delegación de Santiago, estes obradoiros realizaranse durante os días 21, 23, 28 e 30 de xaneiro de 10h a 12h. Preto de 15 usuarios desprazaranse ata a EGAP (Escola Galega de Administración Pública) para achegarse ó coñecemento das TICs e poder espremer ó máximo as súas potencialidades á hora de buscar un traballo.
Nunha primeira sesión, os membros do Club de Emprego de Santiago aprenderán a utilizar ferramentas como Google e Gmail, creando unha conta de correo electrónico e probando a enviar un CV a través dela. Nas vindeiras sesións familiarizaranse co portal de busca de emprego Infojobs e coa rede social Linkedin, coa fin de que coñezan os recursos que existen na rede para a busca de emprego.
Finalmente, traballarán outros recursos en liña como os simuladores de entrevistas, ferramentas que lles permitirán participar nun proceso de selección de traballo simulado aportando ideas, claves e técnicas para enfrontarse con éxito a un proceso real.