O pasado mércores 25 de maio, 20 usuarios de FEAFES Lugo acudiron unha charla informativa que levaba por título “Dereito laboral” e que foi impartida por Mar Pérez Vega, asesora xurídica da UXT.
Durante o coloquio, Mar informou aos asistentes sobre os requisitos necesarios para ser beneficiario das distintas prestacións por incapacidade, do mesmo xeito que explicou brevemente a nova lexislación de xubilación. A charla tamén abordou temas como os tipos de contrato de traballo, dereitos e obrigas dos traballadores, retribucións, vacacións, tipos de despedimentos, causas para os mesmos, etc.
Tras a exposición, houbo unha rolda de preguntas na que os asistentes se amosaron moi participativos, pois expuxeron casos reais e persoais que serviron como exemplo para explicar dun xeito máis dinámico a materia e facilitar así a comprensión do contido anteriormente exposto.
A valoración da charla por parte dos participantes foi moi positiva, xa que se trataron temas que eran do seu interese e que para moitos resultaban descoñecidos.