Hoxe en día, lograr un emprego non é sinxelo para ninguén, mais tampouco é unha tarefa imposible. E para que así o vexan os participantes do Programa de Emprego para Persoas con Discapacidade a Causa de Enfermidade Mental, tres usuarios de FEAFES Galicia contaron a súa experiencia de inserción laboral.
Trátase de tres persoas que fan uso do servizo de orientación laboral que ofrece a entidade en Vigo, e que tras un proceso de busca activa de emprego, actualmente contan cun contrato laboral. Para presentar estes casos de éxito, FEAFES Galicia contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través da cesión dunha aula para realizar esta actividade.
Este tipo de testemuños axuda aos actuais demandantes de emprego a coñecer casos similares aos seus, poder compartir impresións e solventar dúbidas falando con alguén que se atopou recentemente na súa mesma situación.