O pasado 5 de maio, os participantes do Programa Integrado de Emprego “EM-PREGATE IV” de Ourense, tiveron a oportunidade de coñecer en profundidade o proceso de selección de persoal nunha empresa dende o punto de vista dunha responsable de recursos humanos con ampla experiencia.
María Hermo, de Galejobs, foi a encargada de impartir a sesión, que tivo unha duración de 3 horas e foi fundamentalmente práctica. Durante este tempo, Hermo puxo en valor as competencias e habilidades do candidato, falou da importancia de coñecer estratexias de mellora dos CVs e do desempeño nas entrevistas laborais, do mesmo xeito que explicou as claves na busca de emprego a través das redes sociais, especialmente Linkedin.
Os participantes amosaron un alto grao de participación e interese na sesión, a cal supuxo un plus de motivación para continuar co proceso de busca de emprego no que están inmersos.