O pasado 14 de maio, un grupo de 5 participantes do Programa Integrado de Emprego EM-PREGATE IV de Lugo, achegáronse ás instalacións de Mediamarkt para coñecer desde dentro o funcionamento dunha gran empresa e ver a súa actividade dentro do tecido empresarial.
Decidíronse por Mediamarkt por ser unha gran empresa non só a nivel galego, senón tamén a nivel estatal, sendo a tenda de Lugo unha das primeiras en venda de telefonía móbil en todo o territorio español. A visita durou dúas horas e foi guiada por Tatiana Adrio, responsable de recursos humanos da entidade.
A cita comezou cunha presentación da empresa e das actividades que desenvolve. A continuación, Tatiana Adrio deu unha serie de consellos e ideas dirixidas á procura activa de emprego, explicando que busca ela como responsable de recursos humanos ao valorar un candidato durante a selección de persoal. Finalmente, realizouse unha visita guiada por todas as instalacións: oficinas, almacén, tenda… Foi unha visita moi interesante e útil, xa que resultou moi dinámica, clara e concisa.