O Club de Emprego é un espazo flexible e aberto que facilita a implicación dos usuarios na busca activa de emprego, dotándoos dos medios técnicos e humanos precisos para que a súa procura sexa máis eficaz.
Isto é o que estiveron a facer os participantes ourensáns do Programa Integrado de Emprego EM-PRÉGATE V, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Entre o 24 de abril e o 13 de maio, o grupo realizou unha serie de encontros coa fin de intercambiar experiencias e dar continuidade aos contidos aprendidos durante as sesións teóricas.
Durante o desenvolvemento da actividade, tratouse de implicar ás persoas usuarias na súa propia busca de emprego promovendo o establecemento dunha rutina. Así, buscan ofertas acordes aos seus perfís e fan intercambio das mesmas, ademais de rexistrarse en diferentes portais de emprego en función dos seus intereses e obxectivos profesionais. O Club de Emprego tamén incluiu un pequeno obradoiro de mobilidade laboral e a exposición dun caso persoal exitoso.