Máis sobre dereitos e deberes dos traballadores

O pasado venres 3 de maio, 18 participantes do Programa Integrado para o Emprego EM-PREGATE V, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, participaron nunha charla sobre dereitos e deberes dos traballadores realizada en Lugo.

A sesión foi impartida por María Castro Corredoira, doutora en dereito pola USC e profesora adxunta do grao de Criminoloxía na mesma universidade. Durante as arredor de dúas horas que durou a intervención, María falou sobre a Lei Xeral dos Traballadores, os distintos convenios que existen, os dereitos e deberes básicos que recolle a lexislación, etc.

Todos os participantes amosáronse moi atentos e interesados nesta materia, sobre a cal foron preguntando as súas dúbidas e deron a súa propia opinión sobre determinados temas. Dende Saúde Mental FEAFES Galicia queremos agradecer a María Castro a súa colaboración na ponencia desta charla.

20190503_121344

Advertisements

Identidade en liña e dereitos dos traballadores

Nas distintas delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia, seguimos a adquirir ferramentas e coñecementos para optimizar o proceso de busca de emprego. Neste eido, en Ourense, os participantes no Programa Integrado para o Emprego EM-PRÉGATE V, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, asistiron recentemente a dúas interesantes sesións.

identidade en liña

Por unha banda, o 28 de marzo participaron nunha charla sobre a xestión da identidade en liña na procura de emprego, na cal se informou aos participantes da relevancia que ten coidar a nosa identidade na Internet e nas redes sociais de cara á procura de emprego. Nesta xornada afondouse no cencepto de identidade dixital, explicáronse cales son os elementos que a conforman e as claves para xestionala. Asemade, falouse de que é a reputación en liña e como favorecela, así como respectar a identidade en liña dos demais.

dereiros e deberes

Por outra banda, o 1 de abril, os partcipantes deste programa en Ourense tiveron unha charla sobre dereitos e deberes das persoas traballadoras. Nesta sesión falouse do Estatuto dos Traballadores, dos convenio colectivo e dos tipos de contratos de traballo que existen. Por outra banda, abordouse como se formaliza e se extingue unha relación laboral, explicando tamén cando se ten dereito á prestación ou ao subsidio por desemprego.

Novas tecnoloxías aplicadas á busca de emprego

20190422_101529

No marco do Programa Integrado para o Emprego EM-PRÉGATE V, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, 18 persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Vigo estiveron coñecendo as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías á hora de atopar un traballo.

Isto foi posible nun obradoiro que tivo lugar do 22 ao 26 de abril, onde os participantes aprenderon a utilizar o ordenador como ferramenta útil no proceso de busca activa de emprego. Así, adquiriron destrezas básicas no uso de programas informáticos para manexar a información e mellorar as súas posibilidades de inserción laboral.

Este mesmo obradoiro celebrouse tamén nas delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia de Lugo e Ourense en febreiro e en abril respectivamente. Pola súa banda, en Santiago e na Coruña realizouse un taller de “Busca activa de emprego 2.0” nos meses de febreiro e marzo, no que se abordaron uns contidos semellantes.

Obradoiros para mellorar a empregabilidade

obradoiros_integrado.jpg

Durante as últimas semanas, as distintas delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia puxeron en marcha unha serie de obradoiros para mellorar a empregabilidade das persoas participantes no Programa Integrado de Emprego EMPREGATE V, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O primeiro taller posto en marcha foi o de motivación e entrevistas laborais, que ten como obxectivo dotar aos participantes de ferramentas coas que afrontar positivamente o proceso de busca e mantemento do emprego, adquirindo as habilidades necesarias para superar con éxito as entrevistas de selección.

Tras este primeiro obradoiro, ao longo dos vindeiros meses realizaranse outros talleres de emprendemento, busca activa de emprego 2.0 e mobilidade laboral, do mesmo xeito que se porá en marcha un Club de Emprego e realizaranse diversas charlas laborais segundo as necesidades das persoas participantes. Tamén haberá accións formativas de carácter máis ocupacional que permitan dotar de competencias técnicas aos seus participantes.

Con estas accións preténdese aumentar a empregabilidade das persoas participantes e facilitar o seu acceso ao mercado laboral para mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental.

Comezan as accións grupais do EM-PRÉGATE V!

Durante os meses de xaneiro e febreiro, as cinco delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia presentaron ante os seus participantes o Programa Integrado para o Emprego EM-PRÉGATE V, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Nestas primeiras accións grupais, dirixidas ás 100 persoas usuarias que participan no programa nas cinco delegacións, explicouse a finalidade do mesmo: mellorar a ocupabilidade e favorecer a inserción laboral das persoas en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego con intermediación laboral.

A continuación, informouse sobre as actividades, aformación, a metodoloxía, os obxectivos e as especificidades do programa, coa fin de que os seus participantes coñezan en profundidade as accións que se van desenvolver nos vindeiros meses.

Finalmente, nas sesións de presentación houbo un espazo para a posta en común dos intereses e expectativas dos participantes, así como para a resolución de dúbidas. Deste xeito, comezou a configurarse un espazo de cohesión grupal entre as persoas participantes no programa.

Foto presentacion stgo

Charla laboral sobre emprendemento

O pasado 14 de setembro, un grupo de 5 usuarios en busca activa de emprego pertencentes a Saúde Mental FEAFES Ourense, estiveron aprendendo unha serie de nocións básicas relacionadas coa creación dunha empresa.

Tratouse dunha charla organizada no marco do Programa Integrado de emprego EM-PRÉGATE IV, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

Ao longo das 3 horas que durou a xornada, realizada en La Molinera, os participantes puideron adquirir nocións sobre os nichos de mercado, tipos de empresas que existen, subvencións e axudas para a súa creación, fiscalidade ou documentación e xestión necesaria para este proceso.

20180914_110103

Ampliamos a nosa experiencia laboral

Tras participar nos obradoiros do Club de Emprego, no marco do Programa Integrado de Emprego EM-PREGATE IV, os participantes de Lugo están a ter a oportunidade de ampliar a súa experiencia laboral mediante prácticas en empresas.

A xestoría A&MLUCUS Asesores, por exemplo, abriu as súas portas a unha das participantes do programa, que está a realizar funcións de auxiliar administrativo dende o 2 ao 31 de maio. Ela nos comenta que está encantada coa experiencia, xa que está a adquirir novas habilidades dentro do ámbito laboral. Di, ademais, que se lle está a pasar moi rápido o tempo e que lle gustaría poder quedarse algo máis.

Está a ser unha experiencia moi enriquecedora para ela, xa que está a ampliar o seu currículo e se sinte moito máis motivada para seguir formándose e buscar un emprego.

foto 2