Comezan as accións grupais do EM-PRÉGATE V!

Durante os meses de xaneiro e febreiro, as cinco delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia presentaron ante os seus participantes o Programa Integrado para o Emprego EM-PRÉGATE V, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Nestas primeiras accións grupais, dirixidas ás 100 persoas usuarias que participan no programa nas cinco delegacións, explicouse a finalidade do mesmo: mellorar a ocupabilidade e favorecer a inserción laboral das persoas en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego con intermediación laboral.

A continuación, informouse sobre as actividades, aformación, a metodoloxía, os obxectivos e as especificidades do programa, coa fin de que os seus participantes coñezan en profundidade as accións que se van desenvolver nos vindeiros meses.

Finalmente, nas sesións de presentación houbo un espazo para a posta en común dos intereses e expectativas dos participantes, así como para a resolución de dúbidas. Deste xeito, comezou a configurarse un espazo de cohesión grupal entre as persoas participantes no programa.

Foto presentacion stgo

Advertisement

Charla laboral sobre emprendemento

O pasado 14 de setembro, un grupo de 5 usuarios en busca activa de emprego pertencentes a Saúde Mental FEAFES Ourense, estiveron aprendendo unha serie de nocións básicas relacionadas coa creación dunha empresa.

Tratouse dunha charla organizada no marco do Programa Integrado de emprego EM-PRÉGATE IV, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

Ao longo das 3 horas que durou a xornada, realizada en La Molinera, os participantes puideron adquirir nocións sobre os nichos de mercado, tipos de empresas que existen, subvencións e axudas para a súa creación, fiscalidade ou documentación e xestión necesaria para este proceso.

20180914_110103

Ampliamos a nosa experiencia laboral

Tras participar nos obradoiros do Club de Emprego, no marco do Programa Integrado de Emprego EM-PREGATE IV, os participantes de Lugo están a ter a oportunidade de ampliar a súa experiencia laboral mediante prácticas en empresas.

A xestoría A&MLUCUS Asesores, por exemplo, abriu as súas portas a unha das participantes do programa, que está a realizar funcións de auxiliar administrativo dende o 2 ao 31 de maio. Ela nos comenta que está encantada coa experiencia, xa que está a adquirir novas habilidades dentro do ámbito laboral. Di, ademais, que se lle está a pasar moi rápido o tempo e que lle gustaría poder quedarse algo máis.

Está a ser unha experiencia moi enriquecedora para ela, xa que está a ampliar o seu currículo e se sinte moito máis motivada para seguir formándose e buscar un emprego.

foto 2

Unha visita a Mediamarkt

O pasado 14 de maio, un grupo de 5 participantes do Programa Integrado de Emprego EM-PREGATE IV de Lugo, achegáronse ás instalacións de Mediamarkt para coñecer desde dentro o funcionamento dunha gran empresa e ver a súa actividade dentro do tecido empresarial.

Decidíronse por Mediamarkt por ser unha gran empresa non só a nivel galego, senón tamén a nivel estatal, sendo a tenda de Lugo unha das primeiras en venda de telefonía móbil en todo o territorio español. A visita durou dúas horas e foi guiada por Tatiana Adrio, responsable de recursos humanos da entidade.

A cita comezou cunha presentación da empresa e das actividades que desenvolve. A continuación, Tatiana Adrio deu unha serie de consellos e ideas dirixidas á procura activa de emprego, explicando que busca ela como responsable de recursos humanos ao valorar un candidato durante a selección de persoal. Finalmente, realizouse unha visita guiada por todas as instalacións: oficinas, almacén, tenda… Foi unha visita moi interesante e útil, xa que resultou moi dinámica, clara e concisa.

20180514_111741

O proceso de selección de persoal nunha empresa

20180504_121025

O pasado 5 de maio, os participantes do Programa Integrado de Emprego “EM-PREGATE IV” de Ourense, tiveron a oportunidade de coñecer en profundidade o proceso de selección de persoal nunha empresa dende o punto de vista dunha responsable de recursos humanos con ampla experiencia.

María Hermo, de Galejobs, foi a encargada de impartir a sesión, que tivo unha duración de 3 horas e foi fundamentalmente práctica. Durante este tempo, Hermo puxo en valor as competencias e habilidades do candidato, falou da importancia de coñecer estratexias de mellora dos CVs e do desempeño nas entrevistas laborais, do mesmo xeito que explicou as claves na busca de emprego a través das redes sociais, especialmente Linkedin.

Os participantes amosaron un alto grao de participación e interese na sesión, a cal supuxo un plus de motivación para continuar co proceso de busca de emprego no que están inmersos.

A identidade online na busca de emprego

All-focus

O pasado 23 de abril, un grupo de 7 participantes do Programa Integrado de Emprego EM-PRÉGATE IV de Ourense, presenciaron unha interesante charla informativa sobre a xestión da identidade online durante o proceso de busca dun traballo.

O obxectivo deste coloquio era informar e reflexionar sobre o tipo de contidos e información que compartimos nas nosas redes sociais, analizando como pode afectarnos no proceso de procura de emprego.

Durante as 3 horas que durou a charla, a docente e responsable do Programa Integrado en Ourense, Patricia Gómez, explicou como protexer a nosa privacidade nas redes sociais e facilitou algún consello sobre a información debemos facilitar na Internet, como pode afectar a foto ou estado de perfil do whastapp na busca de emprego, etc.

O programa Integrado arrinca un ano máis

IMG_7383

Un ano máis, FEAFES Galicia pon en marcha o Programa Integrado de Emprego EM-Prégate IV, cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten como obxectivo facilitar a inserción laboral dos seus participantes.

Esta semana iniciáronse as accións en Santiago e Ourense a través dun encontro en cada unha das delegacións, onde os técnicos facilitaron información sobre o programa, os seus obxectivos, as súas especifidades, resolveron dúbidas, etc. Ademais, facilitouse tamén unha primeira cohesión grupal entre os participantes.

No caso de Santiago, a presentación tivo lugar o 31 de xaneiro e a ela acudiron 12 participantes do programa. En Ourense, pola súa banda, o encontro celebrouse o 1 de febreiro cunha participación de 11 persoas.