Adentrámonos en Café Candelas

O pasado 13 de maio, 18 participantes do Programa Integrado de Emprego EM-PRÉGATE de Lugo, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, tiveron a oportunidade de coñecer dende dentro o funcionamento dunha gran empresa e ver a súa actividade no marco do tecido empresarial.

foto 6.jpg

Para iso, acudiron a Café Candelas coa fin de ver en directo algunhas das cousas aprendidas durante a formación teórica. Na primeira parte da visita, A. Gayoso, responsable de recursos humanos, explicou como se organiza a empresa e como se desenvolven os procesos de selección de persoal, facendo dous simulacros reais con dous participantes. Tras a proba, deulles unha serie de consellos para poder presentar as súas candidaturas.

foto 8.jpg

A continuación, José Manuel Portela, responsable de formación de baristas da empresa, fixo unha visita guiada polo almacén e pola fábrica, ademais de explicar, cunha demostración en directo, a técnica para elaborar un bo café.  Dende logo, foi unha visita moi interesante e útil que resultou moi dinámica, clara e concisa.

Advertisement

A inserción laboral en 1ª persoa

20190508_113105.jpg

O pasado mércores 8 de maio, un grupo de 18 participantes do Programa Integrado de Emprego EM-PRÉGATE V de Lugo, tiveron a oportunidade de escoitar un testemuño de inserción laboral en primeira persoa.

Durante a presentación deste caso de éxito, os participantes do programa dialogaron cunha compañeira que participara na anterior edición do EM-PRÉGATE, puidendo así resolver as súas dúbidas e coñecer a súa experiencia persoal.

Sandra López foi a encargada de contar a súa vivencia co programa e co acesso ao mercado de traballo. Non só falou da súa experiencia na parte formativa do EM-PRÉGATE, senón que tamén contou como lle foi no posto de traballo ao que accedeu e todos as cousas positivas que isto lle aportou.

Os participantes amosáronse moi interesados no relato de Sandra e fixeron preguntas e comentarios sobre o que foi contando. Deste xeito, creouse un clima de debate moi interesante entre todos os presentes.

Así traballamos nos Clubs de Emprego!

20190502_100721

En todas as cidades nas que se desenvolve o Programa Integrado para o Emprego EM-PREGATE V, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, contamos cun punto de encontro presencial no que intercambiamos información, experiencias e impresións sobre o proceso de busca de emprego.

Trátase dos Clubs de Emprego, grupos que se constitúen tamén como un elemento motivador na busca de traballo e unha exposición de boas prácticas sobre a inserción laboral. En Vigo, os encontros do Club de Emprego comezaron o pasado 2 de maio e desenvolveranse ao longo de oito sesión de dúas horas, coa fin de xerar grupo e de dar unha continuidade á procura activa de emprego.

Deste xeito, todos os xoves, os 18 participantes do programa EM-PREGATE V de Vigo, revisan as ofertas de traballo dispoñibles, repasan os conceptos aprendidos durante a formación e adquiren habilidades para a procura de emprego, facendo especial fincapé na entrevista e na presentación persoal.

Coma eles, os participantes do programa das delegacións de Coruña, Santiago, Lugo e Ourense, tamén están a compartir en grupo as súas experiencias no proceso de inserción laboral.

Máis sobre dereitos e deberes dos traballadores

O pasado venres 3 de maio, 18 participantes do Programa Integrado para o Emprego EM-PREGATE V, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, participaron nunha charla sobre dereitos e deberes dos traballadores realizada en Lugo.

A sesión foi impartida por María Castro Corredoira, doutora en dereito pola USC e profesora adxunta do grao de Criminoloxía na mesma universidade. Durante as arredor de dúas horas que durou a intervención, María falou sobre a Lei Xeral dos Traballadores, os distintos convenios que existen, os dereitos e deberes básicos que recolle a lexislación, etc.

Todos os participantes amosáronse moi atentos e interesados nesta materia, sobre a cal foron preguntando as súas dúbidas e deron a súa propia opinión sobre determinados temas. Dende Saúde Mental FEAFES Galicia queremos agradecer a María Castro a súa colaboración na ponencia desta charla.

20190503_121344

Identidade en liña e dereitos dos traballadores

Nas distintas delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia, seguimos a adquirir ferramentas e coñecementos para optimizar o proceso de busca de emprego. Neste eido, en Ourense, os participantes no Programa Integrado para o Emprego EM-PRÉGATE V, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, asistiron recentemente a dúas interesantes sesións.

identidade en liña

Por unha banda, o 28 de marzo participaron nunha charla sobre a xestión da identidade en liña na procura de emprego, na cal se informou aos participantes da relevancia que ten coidar a nosa identidade na Internet e nas redes sociais de cara á procura de emprego. Nesta xornada afondouse no cencepto de identidade dixital, explicáronse cales son os elementos que a conforman e as claves para xestionala. Asemade, falouse de que é a reputación en liña e como favorecela, así como respectar a identidade en liña dos demais.

dereiros e deberes

Por outra banda, o 1 de abril, os partcipantes deste programa en Ourense tiveron unha charla sobre dereitos e deberes das persoas traballadoras. Nesta sesión falouse do Estatuto dos Traballadores, dos convenio colectivo e dos tipos de contratos de traballo que existen. Por outra banda, abordouse como se formaliza e se extingue unha relación laboral, explicando tamén cando se ten dereito á prestación ou ao subsidio por desemprego.

Novas tecnoloxías aplicadas á busca de emprego

20190422_101529

No marco do Programa Integrado para o Emprego EM-PRÉGATE V, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, 18 persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Vigo estiveron coñecendo as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías á hora de atopar un traballo.

Isto foi posible nun obradoiro que tivo lugar do 22 ao 26 de abril, onde os participantes aprenderon a utilizar o ordenador como ferramenta útil no proceso de busca activa de emprego. Así, adquiriron destrezas básicas no uso de programas informáticos para manexar a información e mellorar as súas posibilidades de inserción laboral.

Este mesmo obradoiro celebrouse tamén nas delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia de Lugo e Ourense en febreiro e en abril respectivamente. Pola súa banda, en Santiago e na Coruña realizouse un taller de “Busca activa de emprego 2.0” nos meses de febreiro e marzo, no que se abordaron uns contidos semellantes.

Obradoiros para mellorar a empregabilidade

obradoiros_integrado.jpg

Durante as últimas semanas, as distintas delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia puxeron en marcha unha serie de obradoiros para mellorar a empregabilidade das persoas participantes no Programa Integrado de Emprego EMPREGATE V, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O primeiro taller posto en marcha foi o de motivación e entrevistas laborais, que ten como obxectivo dotar aos participantes de ferramentas coas que afrontar positivamente o proceso de busca e mantemento do emprego, adquirindo as habilidades necesarias para superar con éxito as entrevistas de selección.

Tras este primeiro obradoiro, ao longo dos vindeiros meses realizaranse outros talleres de emprendemento, busca activa de emprego 2.0 e mobilidade laboral, do mesmo xeito que se porá en marcha un Club de Emprego e realizaranse diversas charlas laborais segundo as necesidades das persoas participantes. Tamén haberá accións formativas de carácter máis ocupacional que permitan dotar de competencias técnicas aos seus participantes.

Con estas accións preténdese aumentar a empregabilidade das persoas participantes e facilitar o seu acceso ao mercado laboral para mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental.